Hoxe preséntovos unha tarefa que ainda que pareza sinxela, require o seu tempo para a aprendizaxe.
Xa sei que é fin de semana e que igual non vos apetece, pero só pretendo darvos pequenas ferramentas que vos axuden a entretervos un pouco á vez que facedes algo de actividade física. Vosa é a decisión de facela ou non, por suposto.
O que vos amoso hoxe, ten que ver co folclore tradicional galego. Igual que a música ou os xogos tradicionais, existen danzas que forman parte do patrimonio cultural dos pobos. E cal é a nosa danza máis representativa? Efectivamente a muiñeira. Sabedes por que se chama así? Parece que ten que ver con muíño, non si? A muiñeira era unha forma de pasatempo que tiña a xente que ía aos muíños moer o gran para facer a fariña mentres duraba a faena.
Sei o que estades a pensar moitos/as agora: "Boh, iso son bailes de vellos/as!; non hai algo máis moderno?; iso está pasado de moda; eu prefiro bailar Tusa!..."
Para todos/as os que pensachedes iso, quero facervos unha reflexión. Efectivamente non podemos chamar moderno a algo que ten a súa orixe hai máis de 500 anos. Pero realmente credes que está pasado de moda? Cantas veces tedes visto bailar muiñeiras? Calquer celebración popular, berbena, romaría sabe ben que a muiñeira non pode faltar. Acaso alguén se atrevería a dicir que a Feira Celta está pasada de moda?
Pensade agora en tódalas cancións que pegaron o pelotazo no seu día pero que foron pasando de moda. A ver que penso eu nalgunhas: calma, despacito, bailando... Cantos de vós escoitades xa algunha delas? E que agora a que mola é Tusa!, diredes. E que pasará con Tusa para o ano?
Todas elas, son perecedeiras, caducan a final de tempada. O curso que ven sairá outra e ninguén se molestará en escoitar Tusa.
Aclarado isto, quero dicirvos que eu non me vou meter no que escoite ou baile cada un, ata aí poderiamos chegar! Sodes libres de escoller o que vos guste. O único que pretendía, era ensinarvos a valorar o noso patrimonio e que o folclore tradicional é coma a cor negra, nunca pasa de moda!
Van agora 2 enlaces. No primeiro tedes un titorial para aprender uns pasos básicos (chamados puntos). Deberedes ensaialos varias veces, primeiro a cámara lenta e pouco a pouco a máis velocidade. O segundo é unha música de muiñeira para que intentendes meter os pasos mentres soa. Deberedes coller o ritmo mentalmente primeiro para logo intentar meterlle o baile. Primeiro soan as cunchas que vos permiten interiorizar o ritmo antes de comezar as gaitas. Sorte!
TITORIAL PUNTOS BÁSICOS
MUIÑEIRA
Ningún comentario:
Publicar un comentario